APUNTES DE HISTORIA

Rondaban os anos cincuenta cando un grupo de amigos, santiagueses ou foráneos, sentían a aventura e tiñan sangue de xoqueis cuneteiros, xa que en aqueles tempos, montar aqueles cabalos desbocados e conducilos por aquelas estradas era de "votarlle peito".

Quizais aqueles anos, marcaron un pouco o camiño andado ata hoxe do mítico MOTOCLUB COMPOSTELA.

Os amigos moteiros, hoxe Sres.: Sánchez (Roa), Garabales (Montesa), Malde (Norton), Hevia (Vespa), Ríos (Lube), Riande (Iso), Viña (Royal), O Militar, coa súa Vespa condecorada, o Sr.Cura coa súa Vespa e as súas filigranas, Cotos (Montesa), que mercara dúas, para cando se lle estropeara unha, te-la outra dispoñible, Rufino (Ossa), Carril (Guzzi)...

Eran tempos difíciles, polas circunstancias da vida e tamén porque chegar a unha moto non era nada doado, pois non había nin o escaparate nin a abundancia coa que hoxe nos sorprenden os fabricantes cada día.

Quizais agora botemos de menos aqueles tempos e aquelas motos, porque tiñan que ser moi temperados os que naquela época montaban furiosas máquinas e desafiaban as estradas. Aínda lembrámo-lo lema " o que non se vale por si mesmo para arranxa-la moto na estrada, non será nunca un bo moteiro" lema, que se hoxe poñemos en práctica, moi poucos poderían pasearse e lucir eses traseiros de pantalóns tan desexados e admirados pola PEOPLE da CITY.


De sabios son os refráns, ("A experiencia é un grao", " O demo sabe máis por vello que por demo"); penso que avarías dos cabalos de ferro eran máis xustificables naquelas épocas.

Os moteiros da época gozaban paseando cada fín de semana por Baiona, A Lanzada, A Toxa, Sanxenxo, e tamén tomabas os "piscolabis" en Casa Román. ¡Quen ía dicir que despois de tanto tempo o puxeran de moda estas excursións!.

Estes intrépidos motoristas divertíanse montando as súas xinkanas por toda Galicia, desprazábanse os distintos clubes e participaban nelas. Aquí en Santiago, organizábana diante da igrexa do Pilar, e chamábanlle a do PATO; consistía en encontrar un pato ( que eles mesmos confeccionaban con tea), previamente escondido, coa axuda dunhas pistas. Despois facían probas de destreza e dominio da moto, etc.

Tamén mirando un pouco cara a aqueles tempos, podemos encontrarnos coa sorpresa de que un cabalo de ferro normal, tiña un prezo que podía oscilar entre os 20.000 e 100.000 reás, cousa que hoxe nos sorprende e nos fai ir ata a calculadora, e tamén posiblemente nos faga ri-lo resultado xa que hoxe todo se conta por miles e miles de "pelas".

O túnel do tempo pódenos dar esas sorpresas, pero no referente ós xinetes daqueles cabalos de ferro, eran e son de carne e oso como os de agora.

Tamén podemos ver polo túnel, que por todas estas historias e sacrificios deste grupo de amigos das motos, fundouse o MOTOCLUB COMPOSTELA, que hoxe temos e continuamos aínda despois de tantas vicisitudes ocurridas ata a data.

Emilio Fraga Bermúdez (Pichi)


motoclubcompostela@arrakis.es